Wednesday 08 de May de 2024

O Concello de Boqueixón investirá case 65.000 euros na mellora dos accesos a Mareque e Noenlle


O alcalde Ovidio Rodeiro supervisou o inicio das obras xunto a técnicos da empresa adxudicataria

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, supervisou o inicio das obras do “Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023-2024”, nas que o Concello de Boqueixón vai investir un total de 64.973,37 euros. “Unha actuación que suporá unha mellora significativa dos accesos ás localidades de Mareque e Noenlle, na parroquia de Sergude, onde imos reparar as pistas e aglomeralas en quente para mellorar a seguridade viaria”, explica o alcalde boqueixanés.

Ovidio Rodeiro desprazouse ata o lugar das obras con técnicos da empresa adxudicataria, Construcciones Ponciano Nieto SL, que conta cun prazo máximo de seis meses para rematar os traballos. En ambos os dous casos, as obras consistirán na reparación de fochancas e perfilado de mordentes de ambas as dúas pistas, sobre as que se aplicará un aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor.

A maiores, en Mareque realizarase a canalización das augas pluviais nas marxes da estrada. Para iso instalaranse 275 metros de tubaxe, sobre as que se executará unha capa de 15 centímetros de formigón e 11 arquetas sumidoiro. No caso dos accesos a Noenlle, o proxecto inclúe tamén a colocación de dúas barreiras de seguridade de catro metros, así como a sinalización horizontal da estrada, co pintado de liñas de bordo e sinais.